2007-07-19

ESTRATEXIA

después de una larga ausencia, mi fiel colaborador qpdbqp me echa una mano para poder seguir al día... una buena mano, además.



Abaddón el Exterminador, Á Espera de Godot, Rebelión en la Granja, Manhattan Transfer, Iannis Ritsos, Kenzaburo Oe...
De por que ao final me decantei por “La vuelta al mundo en 80 días” non me pidades explicación. Mérito abondo é admitilo publicamente.


Pero, en calquera caso, agora que xa vou na páxina 60, non me estou arrepentindo porque, alá pola páxina 44, o señor Verne bota man dun recurso narrativo que merece toda a miña fascinación. Explícoo.


Imaxina por un intre que te chamas Jules, que es francés, que vives no século XIX e que, polo tanto, tes a cara cuberta dunha espesa barba. Es un escritor consagrado. Aínda que os expertos nunca falarán ben de ti, vives da túa inventiva e a xente aclámate. Con todo, os teus libros anteriores puxeron o listón moi alto e cada vez é máis difícil superarte a ti mesmo. A última idea que che anda pola cabeza é escribir unha novela sobre un home que pretende dar a volta ao mundo en só 80 días. O malo é que tes innumerables compromisos e, polo tanto, non dispós de moito tempo libre. Iso significa que non poderás percorrer o mundo por ti mesmo para documentarte e terás que recoller toda a información necesaria dos xornais, das enciclopedias ou entrevistándote con aventureiros e colonizadores. Lamentablemente, o mundo aínda é pouco coñecido e, se cadra, haberá determinadas partes do percorrido das que os dados que manexas son preocupantemente escasos.


Deste xeito, a túa próxima novela corre o risco de resultar descolorida, fácil, irreal, superflua, pobre, baleira... Non sendo que os teus recursos de narrador che dean unha solución.


Estas cousas eran nas que eu pesaba mentres empezaba a ler o libro, ata que cheguei á páxina 44 e descubrín como o señor Verne foi quen de salvar ese obstáculo:
Os protagonistas acaban de chegar a Suez procedentes de Brindisi. Viaxan a bordo dun barco chamado Mongolia. O barco permanecerá fondeado no porto durante unhas horas mentres fai a repostaxe, posto que en realidade a liña continúa percorrendo todo o Mar Roxo ata rematar na India, concretamente en Bombai. E mirade o que conta o libro de Phileas Fogg nun momento coma ese:


“Después se hizo servir el desayuno en su camarote. Y, por lo que respecta a una visita a la ciudad, ni se le pasó por la imaginación pues pertenecía a esa raza de ingleses que delegan en sus criados la visita a los países que atraviesan”.


Así é como un prosista do XIX pasa sen despeitearse por riba das dificultades e desliza a desculpa argumental perfecta para as puntuais faltas de documentación.

Que grande Jules Verne :-)

6 comentarios:

O pastor eléctrico dijo...

Pois si, de feito non ten moitos erros de documentación para o que cabía esperar. E iso que non lle podía preguntar a google.

A Raíña Vermella dijo...

Se Verne non tiña visións, é difícil explicar como chegou a inventar cousas tan aproximadas ao que sería a realidade. O fax, por exemplo. Algún pode imaxinar o fax sen que exista?

Mario dijo...

Volvede, que se vos bota a faltar...

O gato violeta dijo...

Debe ser un problema iso da falta de documentación, pero estou de acordo coa Raíña, ao mellor tiña premonicións. hehe ;)

mueja dijo...

Que fenómeno. Para escribir Manhattan Transfer ia pasalas putas. Moitos criados para patear New York.

A rapaza do arco dijo...

Pois unha de dúas: ou tiña moitos coñecementos científico-técnicos que lle permirtían ter esas visións ou nin el mesmo o cría e pasou iso de que a realidade supera a ficción e non só hai fax senón que está a internet...
Así e todo, o que está claro é que tiña facilidade para arranxar "pequenos problemiñas" :D